Nove infraccións detectadas nos máis de 2.500 controis do uso do cinto e dos SRI realizados a pasada semana
Durante a pasada semana, a Policía Local realizou controis do uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil, no marco dunha nova campaña de vixilancia da Dirección Xeral de Tráfico. Os/as axentes inspeccionaron 2.578 vehículos, rexistrándose nove infraccións.
Do total de infraccións, oito delas foron de condutores que non levaban o cinto de seguridade. Entre os pasaxeiros nos asentos dianteiros non se detectou ningunha infracción, e unicamente se localizou unha persoa que non usaba o cinto nos asentos traseiros.
En relación ao uso dos sistemas de retención infantil (SRI) por menores de menos de 1.35 metros, o 100% dos vehículos inspeccionados levaban SRI axeitados á estatura do pasaxeiro.
De xeito paralelo, nos controis realizados detectáronse 13 infraccións por motivo de seguros, ITV ou permiso de condución.
O cinto e os SRI
O uso do cinto de seguridade é un elemento básico e fundamental da seguridade viaria e reduce á metade o risco de morte en caso de accidente. O airbag non é eficaz se non se complementa coa utilización do cinto de seguridade. A súa utilización tamén é importante nos asentos traseiros do vehículo, xa que protexe tanto de saír despedido do habitáculo como de impactar contra o parabrisas. A 80 quilómetros por hora, un choque frontal sen levar posto o cinto de seguridade adoita levar aparellada a morte ou lesións graves. No caso dos envorcos, o cinto reduce nun 77% o risco de morte.
En canto aos sistemas de retención infantil, son obrigatorios para nenos e nenas cunha altura inferior a 1,35 metros, e recomendables ata os 1,50. As cadeiras deben estar instaladas de acordo coa altura e peso. En todos os casos, a banda diagonal do cinto debe pasar pola clavícula sobre o ombro e ben pegada ao peito, mentres que a banda ventral ten que quedar o máis baixa posible sobre a cadeira.