Novas

Inicio » Novas » Máis de 3.000 vehículos controlados e 15 denuncias na última campaña da Policía Local de control das distraccións ao volante

Máis de 3.000 vehículos controlados e 15 denuncias na última campaña da Policía Local de control das distraccións ao volante

24/09/2019

A Policía Local participou entre o 16 e o 22 de setembro nunha nova campaña especial de vixilancia da Dirección Xeral de Tráfico, desta vez centrada nas distraccións na condución. Os/as axentes controlaron 3.326 vehículos, cun total de 15 denuncias, o que supón o 2,22% do total de automóbiles inspeccionados.



Dos 15 condutores e condutoras denunciados/as, 14 fórono polo uso do teléfono móbil, e outro pola utilización de auriculares conectados a un aparato reprodutor diferente ao teléfono.

Risco multiplicado por catro
No ano 2018, tal como indica a DXT, a distracción apareceu como factor concorrente nun 32% dos accidentes con vítimas mortais, cuxa causa foi unha distracción ao volante, principalmente polo uso indebido de teléfonos móbiles, navegadores GPS ou outros dispositivos. Por exemplo, o uso do teléfono móbil multiplica por catro o risco de accidente, equiparándoo ao de facelo baixo os efectos do alcohol.

Canto maior é a velocidade do vehículo, menor marxe de reacción ten o condutor fronte aos imprevistos e máis conveniente resulta que se concentre totalmente na tarefa de conducir e trate de evitar as posibles distraccións. Velocidade e distracción convértense así nun binomio que aumenta moi significativamente os niveis de risco durante a condución.

Os tipos de accidente máis frecuentes debido á distracción son a saída da vía, choque co vehículo precedente ou atropelo.

Hai estudios que indican que o uso do teléfono móbil convencional durante a condución aumenta de catro a seis veces o risco de colisión respecto ao risco en condicións normais de condución. Marcar un número de teléfono móbil, responder a unha chamada telefónica, ler ou contestar un whatsapp, acender un cigarro, axustar a radio ou o reprodutor de CD mentres se conduce, supón apartar a vista da estrada durante un tempo, período no que o vehículo circula sen control e poden xurdir circunstancias que provoquen un grave accidente.

Dentro das causas máis frecuentes de distracción, ademais das relacionadas co teléfono móbil, figuran tamén circular baixo os efectos do alcohol; mirar ou ler ao conducir un diario, un mapa, etc.; levar nenos/as alborotando ou chorando, tratar de expulsar un insecto do coche; fumar ao volante ou utilizar indebidamente os sistemas de navegación ou GPS.

Tamén hai outros factores relacionados directamente co condutor que favorecen as distraccións, como a fatiga e a somnolencia; o estrés, a ansiedade ou a depresión; a idade avanzada; o consumo de alcohol ou certas características de personalidade.







Compartir: