A Policía Local realiza unha campaña de control do uso do cinto e dos sistemas de retención infantil
Durante toda esta semana, do 30 de setembro ao 6 de outubro, a Policía Local realizará controis do uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil, no marco dunha nova campaña de vixilancia da Dirección Xeral de Tráfico.
O uso do cinto de seguridade é un elemento básico e fundamental da seguridade viaria e reduce á metade o risco de morte en caso de accidente. O airbag non é eficaz se non se complementa coa utilización do cinto de seguridade. A súa utilización tamén é importante nos asentos traseiros do vehículo, xa que protexe tanto de saír despedido do habitáculo como de impactar contra o parabrisas. A 80 quilómetros por hora, un choque frontal sen levar posto o cinto de seguridade adoita levar aparellada a morte ou lesións graves. No caso dos envorcos, o cinto reduce nun 77% o risco de morte.
En canto aos sistemas de retención infantil, son obrigatorios para nenos e nenas cunha altura inferior a 1,35 metros, e recomendables ata os 1,50. As cadeiras deben estar instaladas de acordo coa altura e peso. En todos os casos, a banda diagonal do cinto debe pasar pola clavícula sobre o ombro e ben pegada ao peito, mentres que a banda ventral ten que quedar o máis baixa posible sobre a cadeira.
Anterior campaña
Na anterior campaña de control do uso do cinto e dos sistemas de retención infantil, en marzo deste ano, detectáronse un total de nove infraccións nos máis de 2.500 vehículos inspeccionados. Foron, en concreto, 8 condutores/as que non levaban cinto, e un/unha pasaxeiro/a que non facía bo uso dese dispositivo no asento traseiro. No caso dos sistemas de retención infantil non se rexistrou ningunha infracción.