Novas

Inicio » Novas » Os 1.300 controis do uso do cinto e dos SRI realizados a pasada semana deixan un balance de 13 infraccións

Os 1.300 controis do uso do cinto e dos SRI realizados a pasada semana deixan un balance de 13 infraccións

08/10/2019

Durante a pasada semana, do 30 de setembro ao 6 de outubro, a Policía Local realizou controis do uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil, no marco dunha nova campaña de vixilancia da Dirección Xeral de Tráfico. Os/as axentes inspeccionaron 1.296 vehículos, cun total de 13 infraccións.



Dos 1.296 vehículos controlados, 1.146 eran turismos, 62 taxis, 32 autobuses e 56 vehículos de mercadorías. As 13 infraccións corresponderon a turismos particulares, e dentro delas, 11 foron por non levar o cinto os condutores dos vehículos (o 0,85% do total), e 2 por non levalo os/as pasaxeiros/as adultos/as (o,48% do total de 418 ocupantes controlados). En canto ao uso dos sistemas de retención infantil (SRI), inspeccionáronse 15 vehículos e non se rexistrou ningunha infracción.

Sumando os controis da campaña realizada en marzo co mesmo fin, neste 2019 inspeccionáronse 3.934 vehículos, cun total de 22 infraccións, o que sitúa o nivel de incumprimento por debaixo do 1%, tanto en condutores como en ocupantes.

Elemento básico de seguridade viaria
O uso do cinto de seguridade é un elemento básico e fundamental da seguridade viaria e reduce á metade o risco de morte en caso de accidente. O airbag non é eficaz se non se complementa coa utilización do cinto de seguridade. A súa utilización tamén é importante nos asentos traseiros do vehículo, xa que protexe tanto de saír despedido do habitáculo como de impactar contra o parabrisas. A 80 quilómetros por hora, un choque frontal sen levar posto o cinto de seguridade adoita levar aparellada a morte ou lesións graves. No caso dos envorcos, o cinto reduce nun 77% o risco de morte.

En canto aos sistemas de retención infantil, son obrigatorios para nenos e nenas cunha altura inferior a 1,35 metros, e recomendables ata os 1,50. As cadeiras deben estar instaladas de acordo coa altura e peso. En todos os casos, a banda diagonal do cinto debe pasar pola clavícula sobre o ombro e ben pegada ao peito, mentres que a banda ventral ten que quedar o máis baixa posible sobre a cadeira.







Compartir: