A Policía Local realizará controis de alcoholemia e drogas na condución durante a vindeira semana
Dende o 9 ao 15 de decembro, a Policía Local de Santiago súmase á campaña especial da DXT de control da taxa de alcohol e presencia de drogas en condutores. Esta campaña súmase aos controis que periodicamente realiza a Policía Local.
A presenza de alcohol durante a condución, dependendo da taxa, multiplica entre 2 e 15 o risco de sufrir un accidente. Esta substancia non só está relacionada cos accidentes, senón que tamén repercute nunha maior mortalidade, ao ser un factor vinculado cun peor prognóstico nas lesións sufridas.
Segundo datos achegados pola DXT, o 23% dos condutores falecidos en 2018 tivo resultado positivo na proba de alcoholemia, o 12% no caso dos condutores feridos hospitalizados, o 8% nos condutores feridos non hospitalizados e o 7% nos condutores ilesos.
En calquera caso, aínda con taxas de alcoholemia dentro das marxes legais permitidas, o noso nivel de risco de accidente de tráfico pode verse incrementado. A única taxa segura é 0,0%.
Por outra parte, conducir despois do consumo de substancias psicoactivas é un feito preocupantemente frecuente, sendo o cannabis (THC) e a cocaína as máis frecuentes. Os opiáceos e as anfetaminas teñen unha presenza menor. O consumo simultáneo de substancias, que se demostrou coma un comportamento de extremo risco viario, é comparativamente frecuente en España.