O Departamento de Educación Viaria da Policía Local leva a campaña "Ti controlas, ti decides" ás aulas de Bacharelato
"Ti controlas, ti decides" é o lema da campaña que o Departamento de Educación Viaria da Policía Local está levando ás aulas 1º de Bacharelato dos institutos da cidade durante este mes de xaneiro. A actividade está deseñada especificamente para estes mozos e mozas, próximos/as á idade de obtención do carné de conducir, proporcionándolles información de primeira man sobre as causas polas que se producen os accidentes de tráfico, os factores que interveñen e as súas consecuencias.
Mediante esta actividade, os/as alumnos/as toman conciencia do que, como condutores/as, poden facer para que se reduza o número de falecidos na estrada. Por exemplo, preténdese sensibilizar aos mozos e mozas sobre a utilización do cinto de seguridade, percibíndoo como un elemento que salva vidas, e non como como un instrumento para evitar unha multa.
Outra das condutas que se fomentan é o imprescindible uso do casco ao ir en moto, ciclomotor ou bicicleta. Tamén se tratan o uso do teléfono móbil ao voante como unha das distraccións máis relevantes para a accidentalidade, ou a incompatibilidade do alcohol e as drogas coa condución.
Testemuños reais
Estas e outras cuestións abórdanse a través das emocións, con testemuños reais de persoas que se atopan en prisión tras ter un accidente de tráfico cando conducían baixo os efectos do alcohol, con consecuencias mortais, e doutras que, polo mesmo motivo, se atopan en cadeira de rodas tras coller o vehículo despois dunha noite de excesos. En definitiva, nestas sesións nos institutos, o alumnado coñece as consecuencias penais, administrativas e persoais para alguén que conduce despois de ter consumido alcohol ou drogas e provocado un accidente de tráfico.
Os axentes do Departamento de Educación Viaria realizan esta formación dun modo práctico e ameno. Así, explícaselles como se realizan os test de alcohol e drogas, proban gafas que simulan os efectos do alcohol e das drogas nunha persoa, ou ven un vídeo realizado pola Policía Local de Santiago en colaboración cos Bombeiros e o 061, no que se reflicte o que ocorre moitos fins de semana cando un grupo de mozos/as saen de festa e se mestura o alcohol, a condución, o exceso de velocidade, a distracción na condución, a non utilización do cinto�.