Novas

Inicio » Novas » A Policía Local inspeccionou durante a pasada semana as condicións de 636 vehículos, dos que 41 presentaban algunha deficiencia

A Policía Local inspeccionou durante a pasada semana as condicións de 636 vehículos, dos que 41 presentaban algunha deficiencia

29/01/2020

A Policía Local sumouse a pasada semana (do 20 ao 26 de xaneiro) a unha nova campaña impulsada pola Dirección Xeral de Tráfico. Desta vez, realizáronse controis das condicións de 636 vehículos, dos cales 41 presentaban algún tipo de deficiencia, o que supón o 6,06% respecto ao total de vehículos inspeccionados.



Destes 41 vehículos con algunha anomalía, o 7,32% tiña pneumáticos en mal estado, o 2,44% presentaba deficiencias na placa de matrícula, outro 2,44% rexistraba anomalías no alumeado e o 85,37% tiña carencias de documentación relativa ao vehículo. Neste último suposto, o 85,71% non pasara a ITV e o 14,29% carecía de seguro.

O 5,38% dos vehículos con deficiencias eran turismos, o 80% motos ou ciclomotores e o 6,85% vehículos de mercadorías.

Clave na redución da sinistralidade
Segundo a DXT, a antigüidade do vehículo supón un factor de risco, ao carecer este dos sistemas e equipamentos de seguridade implantados recentemente, ademais dos problemas derivados do seu uso. De feito, o risco de falecer ou resultar ferido grave nun accidente nun coche de 10 a 15 anos de antigüidade duplícase con respecto aos sinistros en vehículos de menos de cinco anos. A antigüidade media do parque de turismos medrou en 1,6 anos no período 2011-2018.

Por iso, un axeitado mantemento e posta a punto dos principais elementos de seguridade do vehículo, é dicir, pneumáticos, freos, luces e sinalización, é imprescindible para combater a sinistralidade.

Pneumáticos
O mantemento e correcta utilización dos pneumáticos resultan fundamentais para unha maior seguridade viaria. Aproximadamente, un 5% dos vehículos circula con defectos graves nas rodas, principalmente por levar unha profundidade do debuxo por debaixo do mínimo legal de 1,6 milímetros, por ter un desgaste irregular debido a unha mala suspensión ou unha aliñación incorrecta ou por circular cunha presión errónea. Se ben o límite legal de profundidade das ranuras do pneumático é de 1,6 mm, é recomendable que teña como mínimo 3 mm.

Alumeado
O alumeado tamén é un aspecto clave para unha circulación segura. Unha correcta utilización, mantemento e regulación dos faros permite non só dispor de luz suficiente, senón tamén non cegar a quen circula polas mesmas vías públicas.

As lámpadas van reducindo a súa intensidade co uso, polo que deben cambiarse cada 40.000 quilómetros ou aos dous anos. Débense cambiar de dúas en dúas e hai que manter sempre limpas as ópticas de faros e pilotos.

Matrículas e documentación
As placas de matrícula deben ser perfectamente lexibles e non estar deterioradas. Aínda que non supón perda de puntos, levar unha matrícula ilexible é unha infracción grave. Por outro lado, manipular a placa da matrícula pode supor unha multa de 6.000 euros e a perda de seis puntos.

En canto á documentación do vehículo, ademais do preceptivo permiso de conducir, débese levar obrigatoriamente o permiso de circulación do vehículo no que figuran os datos técnicos do mesmo e os datos do seu propietario (ou unha autorización da Xefatura de Tráfico na súa ausencia), así como a tarxeta da ITV e o adhesivo correspondente visible na lúa dianteira.







Compartir: