Camiño escolar seguro

Inicio » Tráfico » Camiño escolar seguro »
Proxecto de camiño escolar Colecamiños

O proxecto de camiño escolar Colecamiños, reforzado coa mascota Moito Olliño, é unha experiencia pioneira en Compostela que xorde coa intención de promover un cambio nas pautas de mobilidade dos nenos e nenas da nosa cidade. Os "camiños escolares" non son proxectos de carácter exclusivamente educativo, son iniciativas dirixidas a que os menores poidan moverse con seguridade e autonomía polas rúas e recuperen o uso e aproveitamento do espazo público. Polo tanto, son proxectos que atinxen de forma directa á cidade no seu conxunto e que afectan a todas as áreas da xestión local ou municipal que teñen competencias no deseño, na habitabilidade e na seguridade do espazo público.



¿Lémbraste das historias que viviches cando percorrías o camiño ao colexio en compañía dos teus amigos?

Proxecto de camiño escolar Colecamiños

Na actualidade son poucos os nenos que gozan desa experiencia, motivado polas présas e os ritmos de vida excesivamente acelerados e tamén por un proteccionismo esaxerado que están a sufrir por parte das súas familias.  

Ademais, a necesidade de acompañar aos nenos e nenas ata mesma porta das escolas provoca un impacto negativo na fluidez do tráfico da cidade ao tempo que xera demasiadas situacións de risco para a seguridade dos propios escolares, convertendo aos pais e nais nos peores modelos a seguir no que a educación viaria se refire. 

Con estas bases, o proxecto Colecamiños, que xorde desde a Policía Local coa consciencia do importante papel da infancia na cidade, pretende favorecer a seguridade e a autonomía dos nenos e nenas nos seus desprazamentos ao colexio.



Os obxectivos do camiño escolar seguro son:

  • Incrementar o número de menores que acoden a diario camiñando ao colexio desde as súas casas, fomentando modos de desprazamento máis sostibles.   
  • Favorecer que as nenas e nenos acudan en compañía de amigos e compañeiros.
  • Minimizar os riscos nos accesos escolares, diminuíndo a inseguridade viaria que existe na actualidade.
  • Implicar pais, nais e outros familiares no proxecto para garantir maiores cotas de autonomía infantil.
  • Impulsar que o alumnado recupere o uso e aproveitamento do espazo público.
  • Integrar no contexto diario as normas e os valores inculcados na aula sobre a educación viaria para axudar a mudar as actitudes nesta materia e os hábitos de comportamento.
  • Fomentar a conciencia ecolóxica. 



Este proxecto é o resultado dun intenso traballo de elaboración e inclúe diversas actividades e fases de planificación que permiten sensibilizar á comunidade educativa -e en especial a nenos e nenas- da importancia de organizar, crear e facer uso das rutas para desprazarse a pé ao colexio:

  • Talleres de sensibilización.
  • Análise da visión infantil a través de enquisas e charlas. 
  • Encontros con docentes, nais e pais, ANPA, voluntariado. 
  • Deseño das rutas máis seguras e puntos de encontro.
  • Modificacións urbanísticas para adaptar os espazos seguros aos máis pequenos. 
  • Sinalización horizontal e vertical dos percorridos e das zonas disuasorias para os vehículos onde deixar e recoller os escolares. 
  • Charlas educativas sobre seguridade viaria. 
  • Charlas informativas coas persoas voluntarias que ofrecen aos escolares a posibilidade de cruzar con maior seguridade viaria. 
  • Concurso de debuxos infantís para o deseño da mascota. 
  • Creación das “tendas amigas” cuxo persoal tamén axudará aos nenos cando poida ocorrer calquera contratempo. 
  • Comunicación ás comunidades de veciños que contan con saídas de vehículos nos percorridos.
  • Campaña da “multa cívica”.
  • Campaña e concurso de cartas “Agora aconséllovos eu!”
O proxecto Camiños Escolares está aberto a calquera colexio cuxos responsables mostren implicación e sensibilidade nos valores que transmite.

Contacta: educacionvial@santiagodecompostela.org



Ligazóns

Descargas

Audios


Galería de imaxes



Compartir: