Compostela pechou 2015 sen vítimas mortais en accidentes de tráfico
O ano 2015 pechouse en Santiago de Compostela sen vítimas mortais en accidentes de tráfico no ámbito de competencias da Policía Local, un balance moi positivo que se produce por segundo ano consecutivo. A Policía Local relaciona esta boa evolución cunha maior concienciación da sociedade sobre os problemas do tráfico, e tamén cun incremento da vixilancia sobre as prácticas de risco dalgúns condutores. O balance foi o presentado en rolda de prensa polo inspector da Policía Local José Antonio Pena, a oficial Diana Parente e o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro.
O ano pasado, o equipo técnico de atestados da Policía Local de Santiago atendeu 601 accidentes de tráfico, 30 máis que en 2014. Deses sinistros, 422 saldáronse unicamente con danos materiais, e en 179 houbo que lamentar feridos. Das persoas feridas neses accidentes de tráfico, 27 foron feridos graves e 190 leves. Ademais, 27 dos condutores implicados neses sinistros deron positivo nos controis de alcoholemia.
En 2014, rexistráranse 571 accidentes de tráfico, dos que 395 remataron só con danos materiais e 176 con feridos. En canto aos controis de alcoholemia practicados aos condutores, 104 foron positivos.
A Policía Local destaca a boa tendencia na que está Compostela en materia de accidentes de tráfico. Hai só 10 anos, en 2005, contabilizáronse 925 sinistros, fronte aos 601 de 2015. Tamén baixou sensiblemente o número de persoas feridas neses accidentes: 327 en 2005 fronte a 217 en 2015.
Controis de alcohol e drogas
No ano 2015, a Policía Local realizou en Compostela 5.323 controis de alcoholemia preventivos, nos que se rexistraron 116 positivos, o 2,17%. Destes, 94 foron motivo de denuncia, e 22 consideráronse delito e os condutores foron ou serán sometidos a xuízo. Ademais, un condutor negouse a realizar a proba.
O ano pasado tamén se realizaron 88 controis de alcoholemia a condutores que cometeran algunha infracción. Neste caso, a incidencia dos positivos elévase considerablemente, xa que 82 dos condutores estaban baixo os efectos do alcohol, cifra que equivale ao 93,1%. 37 deses condutores foron denunciados, e 45 terán que ser xulgados por presuntos delitos contra a seguridade do tráfico. Outros 5 condutores negáronse a realizar a proba, e só un dos controis foi negativo.
En canto ás probas de consumo de drogas practicadas en 2015, realizáronse 13, con 10 positivos e 3 negativos.
En 2014, a Policía Local realizara 3.145 probas de alcoholemia, das que 222 foran positivas, o 3,81%. Sete condutores negáronse a efectuar a proba, e as 2.916 restantes foron negativas.
Outros delitos
A Policía Local instruíu en 2015 outros 22 expedientes a condutores por presuntos delitos contra a seguridade viaria. 10 deles foron por carecer do permiso de conducir, e 9 por conducir sen ningún punto no carné. Tamén se iniciaron dous expedientes a condutores que tiñan retirado o permiso de condución por orde xudicial, e outro por condución temeraria.
O Concello está a colaborar coa Asociación de Criminólogos de Galicia e con Institucións Penitenciarias para que os penados por delitos contra a seguridade viaria poidan executar a súa pena no noso termo municipal.
Os expertos coinciden en sinalar que nos últimos anos logrouse unha maior concienciación da sociedade sobre os problemas de tráfico. Niso inflúen as campañas de educación viaria postas en marcha dende distintos organismos, tamén dende a Policía Local e o Concello de Santiago, que ten manifestado o seu compromiso coa prevención e coa educación nestes campo.
Ademais, medidas como a reforma do Código Penal en materia de tráfico, o carné de conducir por puntos e unha maior presenza policial, contribúen a este importante cambio dos automobilistas, tamén dos de Compostela, que están a mostrar un maior respecto polos límites de velocidade, as normas sobre o uso do cinto, o casco e os sistemas de retención infantil; e tamén sobre a conveniencia de evitar o consumo de alcohol cando hai que poñerse ao volante.
Educación viaria
A Policía Local está convencida de que para termos condutores e peóns responsables, e minimizar así os accidentes de tráfico, a mellor ferramenta é a educación. Por iso, o Corpo continúa coas súas actividades de educación viaria, que nas próximas semanas entrarán na fase práctica, despois de amosarlles aos nenos e nenas os contidos teóricos.
No caso dos alumnos de 4º de Primaria, as actividades desenvolveranse do 5 de abril ao 9 de maio. Os rapaces e rapazas percorrerán un circuíto urbano que forma parte das rutas dos Colecamiños, para experimentar os coñecementos adquiridos nos módulos teóricos en relación ao funcionamento dos semáforos, os pasos de peóns ou os sinais de tráfico. O percorrido remata nas dependencias da Policía Local, onde coñecerán o traballo dos axentes.
A Policía Local tamén porá en marcha o módulo práctico nos centros de Educación Especial, neste caso cun percorrido peonil polas rúas da cidade no que os rapaces, acompañados por monitores, practicarán como circular con seguridade pola beirarrúa e como ser máis autónomos á hora de utilizar o transporte urbano. Tamén se fará fincapé en aspectos relacionados coa seguridade persoal e, para iso, policías vestidos de paisano achegaranse aos rapaces para facerlles preguntas privadas e comprobar as súas reaccións.
A fase práctica para os alumnos de 6º de Primaria consistirá nun Parque Infantil de Tráfico no recinto feiral de Amio, que se desenvolverá do 9 de maio ao 17 de xuño. Nel, os rapaces poderán coñecer as normas básicas de circulación e adquirir un maior sentido de responsabilidade no seu comportamento. Tamén se habilitará unha zona dedicada á bicicleta, na que os rapaces aprenderán a realizar as reparacións máis usuais nelas, como reparación de rodas, axustes de cadea, ou cambio de pedais. Esta actividade realizarase en colaboración con Decathlon.